Tuesday 07 de May de 2024

A alcaldesa de Moeche reúnese coa directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta para solicitar información sobre os proxectos eólicos que lle afectan ao municipio


Beatriz Bascoy reuniuse o pasado venres en Santiago coa directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, de cara a obter a maior información posible sobre os proxectos eólicos que hai nestes momentos enriba da mesa e tamén daqueles que aínda non están publicados e dos que a Xunta de Galicia podería ter constancia. No encontro, ao que Bascoy acudiu acompañada do técnico Xosé Manuel Golpe, a directora xeral trasladoulle ao Concello que arestora se encontran en distintas fases de tramitación un total de 6 proxectos. Dous deles, un de Greenalia e outro de EDP -Nordés e Carbeira, respectivamente- terían informe desfavorable da Xunta por atoparse fóra das áreas de desenvolvemento eólico; mentres que outros tres -o P.E. Moeche, o P.E. Badulaque e o P.E. Barqueiro, promovidos por ENEL- aínda non solicitaron informe da Consellaría de Industria. O sexto é o proxecto de parque eólico Tormenta, tamén de Greenalia, o único de todos eles de tramitación autonómica por ser inferior a 22 MW de potencia. Este último solápase en parte co proxecto Moeche, aínda que a súa viabilidade está condicionada neste momento á obtención de permiso de acceso e conexión á rede.

Durante a xuntanza, Beatriz Bascoy inquiriu a Paula Uría sobre cal ía ser o posicionamento da Xunta ao respecto dos parques de máis de 50 MW cuxa autorización depende do Estado. Segundo a rexedora, a responsable de Planificación Enerxética comentou o que xa se lle notificara hai un mes ao Concello, no sentido de que ata agora o seu departamento xa informara negativamente de dúas iniciativas relacionadas con Moeche -os proxectos Nordés e Carbeira- por estaren fóra das áreas de desenvolvemento previstas no Plan Eólico de Galicia e que “o máis seguro” é que esa sexa a mesma postura con respecto aos outros tres impulsados por ENEL Green Power “tan pronto como soliciten informe autonómico”.

Estes proxectos son o do P.E. Moeche -o de maior incidencia no territorio- e o P.E. Badulaque, ambos en exposición pública até o 6 de setembro, ademais do P.E. Barqueiro, que só lle afectaría a Moeche con liñas de evacuación.

Porén, independentemente dos informes desfavorables que a Xunta poida emitir neste momento, tamén se debe ter en conta que a Lei 9/2021, de 25 de febreiro, aprobada en solitario no Parlamento de Galicia polo grupo do Partido Popular, abre a porta ao asentamento de parques fóra desas áreas no suposto de que o Consello da Xunta de Galicia lles recoñeza “unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, unha función vertebradora e estruturante do territorio”. Segundo Beatriz Bascoy a directora xeral “informou desa potestade que ten a Xunta para facer excepcións e non quixo pronunciarse sobre se había algunha posibilidade de que iso fose ocorrer cos parques planificados para Moeche”.

Unha das cousas que se sacou en limpo da xuntanza do venres en Santiago foi a información sobre o proxecto do parque eólico Tormenta, de 22 MW de potencia. A súa promotora é Greenalia e, neste caso, trátase dun proxecto cuxa autorización é de competencia autonómica. Ademais, si estaría dentro dunha área de desenvolvemento eólico comprendida entre Moeche e As Somozas.

O proxecto -cuxo plano lle foi facilitado ao Concello- prevé a instalación de 5 muíños de grandes dimensións entre Santa Cruz e Labacengos, en emprazamentos coincidentes cos do P.E. Moeche de ENEL. “A directora xeral explicounos que este proxecto está admitido a trámite, o que non significa necesariamente que se vaia autorizar. Pero hai que ter presente que hoxe en día é o único proxecto que cumpriría coa esixencia de estar dentro dunha ADE, se ben é certo que polo de agora non ten concedido acceso e conexión á rede de transporte ou distribución, que é un requisito imprescindible para obter a autorización”, explica Beatriz Bascoy. “Polo menos agora temos algo máis de información para facerlle seguimento e que non aconteza como cos proxectos de ENEL”, engade a rexedora.

Noutra orde de cousas, Beatriz Bascoy tamén se interesou pola posible modificación do canon eólico de cara a vencellado coa potencia instalada de cada muíño en vez de rexerse, como é na actualidade, polo número de aeroxeradores. “O canon eólico cóbrallo a Xunta ás eléctricas propietarias de parques eólicos e despois distribúeo entre os municipios dependendo do número de muíños que teñan no seu territorio por medio do chamado Fondo Ambiental, que se dedica a obras e investimentos sostibles. Hai dez ou quince anos quizais fose unha fórmula que tiña sentido, pero cos proxectos que se están planeando agora, con muíños inmensos e producións que multiplican varias veces as dos primeiros parques, o máis conveniente sería que eses fondos se vinculen coa potencia e coa produción real, e non só co número de muíños. Se non se cambia o modelo daríase a circunstancia de que un destes novos parques contribuirá menos en concepto de canon que outro máis antigo e de menos potencia”. Segundo comentou Beatriz Bascoy, sobre esta cuestión “a directora xeral díxonos que non podía facilitarnos información xa que é algo que aínda se está analizando”.

Ata o 6 de setembro, alegacións aos proxectos Moeche e Badulaque
O BOP de hoxe publica o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia de información pública do Estudo de Impacto Ambiental e solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Moeche e do P.E. Badulaque. A publicación no boletín da provincia marca, de facto, un novo prazo de alegacións -até o 6 de setembro-, posto que ata o momento se consideraba que os 30 días hábiles debían contarse desde o pasado 16 de xullo (incluído), trala publicación de dúas correccións de erros relativas a ambos proxectos que saíron por primeira vez no BOE do día 7.